recuperación histórica persoal, familiar e colectiva!

sábado, setembro 30, 2006

onde o mundo se chamaba celanova

"A nova prisión por excelencia foi a de Celanova. No que fora convento de frades bieitos, de propiedade pública desde o século XIX, púxose a funcionar unha cadea regular, ao mando dun director e gobernada por oficiais e carcereiros dos corpos de prisións do Estado. Na parte do edificio do antigo noviciado, coñecida popularmente como "O Poleiro", instalaron os presos, que dispuñan do claustro mal chamado "herreriano" como patio. Arredor do claustro do século XVI, logo no XVIII revestido cunha escenográfica pantalla de barroco compostelano, instalouse o acuartelamento das unidades militares que se ocupaban da guarda exterior da prisión, unidades que, nun intre dado, estiveron integradas exclusivamente por mouros ao servizo de Franco.
Antes da caída de Asturias e de Euskadi, a prisión de Celanova custodiaba só presos da provincia de Ourense, de todos os partidos integrandes da Frente Popular e máis sindicalistas. Logo viñeron os prisioneiros de guerra. A parte dos que foron xulgados por tribunais militares e fusilados, unha masa inxente de persoas presas en Celanova foi sacada e asasinada sen formación de causa, dacordo con listas negras que se confeccionaban no Goberno Militar da Rúa do Paseo, Ourense.
Era o que en Ourense se chamaba, "levar ás claudias" ou "claudiar". O lugar preferido para os asasinatos era o alto do Furriolo, próximo a Celanova, que daquela se convertiu en signo de horror, e así o evoca Antón Tovar nun seu poema. Os centos de persoas sacrificadas no Furriolo a partir de 1936 só eran recordadas nos círculos das conservas privadas e no discurso da esquerda xenuína. Os pactos do que eles chamaron Transición, e outros chamamos Reforma, prescribían, nunha cláusula de obrigado cumprimento, a amnesia, a desmemoria, o esquencemento. Máis ca en ningures, no Furriolo e en Celanova se executou con severidade e rigor a orde de silencio selada co apretón de mans entre Carrillo, Felipe, os franquistas, o exército, a banca, a Igrexa Católica e os EE UU que trouxo o actual réxime político español da II Restauración Borbónica.
Houbo que agardar 70 anos para que se fixese memoria pública da carnicería do Furriolo"

Ferrín.

Sem comentários: